John paga o taxi e colle a súa mochila. Por sorte, o coche aínda está onde o deixara o día anterior. Fora incapaz de lembrar se o pechara. Abre o portaequipaxes e pousa a mochila dentro. E agora, ¿onde irá? Ten parentes lonxanos en Nottingham, pero non os viu desde o funeral do seu avó. Nin sequera saben que casou. ¿Cómo lles vai dicir que se separa menos dun mes despois? Non. Precisa un lugar tranquilo para pensar, e iso non o vai ter rodeado de xente a facer preguntas. ¿Qué tal Liverpool? O seu avó levárao alí unha vez, cando tiña catorce anos. Encantáralle o porto. Soñara con embarcar e viaxar polo mundo enteiro. Que irónico. En todos estes anos, non se moveu da vila. ¿Por qué non se foi da granxa despois de que Carol fuxiu? Puido ter atopado un traballo mellor facilmente. Quedouse por ela. Porque sempre tivo a estúpida esperanza de que voltaría. John abre a porta do coche e senta no asento do conductor. A noite anterior con Carol demostroulle que é tempo de cambiar. A noite anterior ela foi súa en corpo e alma, pero John sabe que non vai durar. En calquer momento, ela estará a chorar polo seu precioso Andrew. John decátase de que sente mágoa por ela. Puido tela feito moi feliz, se tan só Carol lle tivese deixado. Axusta o espello retrovisor e mira o seu reflexo. É aínda novo, e desde que deixou de vestirse coma o parvo da vila ata semella guapo. Ten dereito a ser querido. Non ten por qué acepta-las migallas de Carol. Pon o cinto de seguridade e consulta o seu reloxio. Son as nove e media. É aínda cedo para chamar a Nelly. Remata o turno ben tarde, e neste momento debe estar durmindo. Só quere dicirlle que non se preocupe, que está ben. Apoia as mans no volante. ¿De verdade está ben? As súas dúbidas duran só uns segundos. Arrinca o coche e sae cara Liverpool.
xxxxxxxx
Carol remata de recolle-la cociña e senta diante da tele, cunha cunca de té. É un documental de camións que non lle interesa nadiña, pero precisa o ruido. Está soa. Lisa foi pasa-lo día a Flamingo Land cunha amiga do colexio. Os pais da rapaza prometeron traela de volta a tempo para a cea. Lisa non lle fixo máis preguntas, pero é obvio que sospeita que John marchou para sempre. Becky ten razón. ¿Por qué ía quedar?
"Porque o preciso", pensa Carol en voz alta.
Por suposto, dille a súa conciencia. Precisa-los seus cartos. Precisa-lo seu traballo na granxa. Precisas alguén que te console cando xa non podes máis. ¿Pero parácheste a pensar se ti é-lo que el precisa?
O vento bate con forza na fiestra, abríndoa de súpeto. Ven direito desde a gándara. Carol érguese a pechala e ve o alpendre ó lonxe. Andrew está a chamar por ela. Agárdaa alí, coma tantas outras veces. Carol sabe que ten que ir. Se non vai agora, endexamáis será libre. Pon o anorak ás presas e corre outeiro enriba.
xxxxxxxx
John está a repostar na gasolineira cando un coche azul aparca ó seu carón. Del baixa o doutor Lawton e saúdanse ambos. Malia a carraxe que lle inspira esa familia, John sente mágoa ó ve-lo aspecto que ten. Semella que avellou dez anos nas últimas semanas. Outra vida que Andrew se levou por diante.
"¿Está ben Carol?", pregunta o doutor.
"Por suposto", contesta John con cara de poquer. "¿Por qué non ía estar?"
"Pensei que viría ó funeral."
"Eu non lle prohibín que fose."
O doutor Lawton apoiase na portiña do coche. Semella fráxil e canso.
"Perdóame, John. Eu non quería insinuar... Estes días non sei nin o que digo. Paso o tempo a matinar por qué Andrew o fixo." Segue a mirar cara John, pero o seu ollar está perdido na lonxanía. "¿Qué fixen mal? ¿Foi porque non o deixei casar con Carol?"
John morde o beizo inferior, anoxado.
"O seu fillo era un adulto, doutor Lawton. Se de verdade quixese casar con Carol, non habería forza no mundo capaz de detelo."
"Andrew era tan novo..."
"¡Tamén o era Carol!", berra John.
O doutor rompe a chorar. John enrubia ata o raiz do pelo.
"Descúlpeme, doutor Lawton. Comporteime coma un besta."
O doutor di que non importa, pero John obrígao a sentar no coche e vai buscarlle un café na máquina. Apoiase no capó mentres o doutor bebe.
"Perdoa por montarche unha escea, fillo", descúlpase o doutor Lawton. "Ti tes motivos suficientes para mandarnos a todos ó inferno."
John non ousa miralo, aínda avergoñado.
"¿Poderá conducir, doutor Lawton? Se quere, podo levalo onde vostede me diga."
O doutor sorrí agradecido.
"Estarei ben, John."
Érguese a bota-la cunca valeira no lixo, pero John cóllella da man e di que o fará el. Mentres camiña cara o colector, volta pensar en Carol. Imaxínaa aquel día no xulgado, agardando por alguén que nunca se presentou. Andrew non era máis que un cobarde. Pero el non o é. John paga a gasolina e disponse a marchar. Xa no seu coche, crúzase de novo co doutor Lawton, que o sauda coa man.
"Por certo, fillo, ¿onde é que vas?"
"Na dirección correcta", contesta John.
xxxxxxxxx
Carol envólvese no anorak, morta de frío. O alpendre está húmido. Olla a manta na que ela e Andrew soían sentarse. ¿Estivo sempre tan chea de balor? E eses restos de sangue, toda esa lama no chan... Os nomes deles aínda están, pero Andrew non. Alí non hai máis que morte. O lugar que tanto amaba parécelle agora odioso.
"Quero morrer por ti", dixéralle Andrew en varias ocasións.
Pero morrer é moi fácil. O difícil é vivir. ¿Tería sido feliz vivindo con Andrew? Carol sae do alpendre e senta nunha rocha. Apoia a cabeza nos xeonllos.
"Ti eras coma o vento, Andrew", pensa. "Aparece de cando en vez, enguedéllame o cabelo e logo marcha. John é coma esta rocha na que sento. Non te decatas de que está alí, mais a gándara viríase abaixo coas primeiras chuvias se non estivese. John é a miña rocha."
Olla outeiro embaixo. Aló agárdaa o seu fogar, agárdaa a súa pequena Lisa... ¿agárdaa John? Érguese dun chouto, co corazón a piques de estouparlle no peito. ¡Ese é o coche de John! Carol bota a correr cara Sparkhouse.
xxxxxxxxxxx
John baixa do coche paseniño e mira ó seu arredor. Non parece que haxa ninguén na casa. Algo no chan chama a súa atención. É o rifle do señor Bolton, feito anacos. ¿Sería estúpido agardar un miragre?
"¡John!"
É a voz de Carol. Corre cara el, case sen alento. Literalmente guíndase nos seus brazos. El está a piques de caer. Ela cólleo polas lapelas e bícao salvaxemente. A cara dela ferve pola carreira que se pegou.
"Non me deixes, John", chora. "Por favor, non me deixes."
John cóllelle a cara coas mans. Bícaa nos ollos, bebéndolle as bágoas ó mesmo tempo.
"¿De veras queres que quede?"
Ela asinte, desesperada. John suspira e sorrí. Non quere que Carol note que desexa urrar de ledicia.
"Bo, pois entón haberá que quedar."
Abrázanse forte, sen espazo ningún entre os seus corpos. John albisca o alpendre no cume do outeiro, coma unha sombra que os ameaza.
"A ela non ma quitarás", pensa para sí. "Desafíoche a que o tentes."
Carol sente o vento da gándara nas costas, pero será forte e non se xirará. Os brazos de John danlle forza para resistirse. Acó embaixo con el séntese viva, e o único que desexa é vivir.
FIN
